Friday 29 de March de 2024

O centro social polivalente de Brión acolle mañá sábado a posta en escena de “A compañeira de piso”


Dirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó, está interpretada polas actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero

O centro social polivalente de Brión acollerá mañá sábado 6 de abril, ás 20:30 horas, a posta en escena da obra “A compañeira de piso”, da compañía Contraproduccións. Trátase dunha comedia que trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido. A entrada é totalmente libre e de balde ata completar aforo.

“A compañeira de piso” está baseada nun texto orixinal de Jen Silverman (“The roommate”), que leva sendo representada con éxito dende 2015 por varias compañías nos Estados Unidos, onde a crítica a destaca como unha mestura de “Thelma e Louise”, “A estraña parella” e “Breaking bad”. Contraproduccións representará mañá sábado en Brión a primeira adaptación desta peza fóra dos escenarios norteamericanos, en coprodución co Centro Dramático Galego, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a Xunta de Galicia.

“A compañeira de piso” está dirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó, sobre un texto adaptado por Lilian Portela. Está interpretada polas actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero, coa colaboración de Xosé Barato como voz en off. A obra, conta a historia de Sharon (Patricia Vázquez), unha ama de casa de máis de 50 anos e recentemente divorciada que publica un anuncio para compartir a súa casa no rural de Iowa. A chegada de Robyn (Rebeca Montero) supón un conflito, pois é todo o contrario a Sharon: lesbiana, vegana, chegada do Bronx. Xuntas conforman unha comedia negra sobre a capacidade do ser humano de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.